Saturday 27 de April de 2024

A Xunta cofiananciará o 50% da ampliación do comedor do colexio María Barbeito da Coruña


— Román Rodríguez explica que existe acordo coa dirección do centro e coa Anpa, que xestiona o servizo, para acometer esta obra na antiga vivenda do conserxe

— A Xunta destina hoxe o triplo que antes da pandemia a axudas a asociacións de nais e pais que xestionan o servizo

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou hoxe no Parlamento que o seu departamento cofinanciará o 50% da ampliación do comedor do Colexio CEIP María Barbeito da Coruña para que poida dar resposta a máis familias interesadas no servizo.

A Xunta leva traballando desde finais do curso pasado nas posibles solucións para ampliar o espazo do actual comedor escolar dada a existencia de familias que solicitan o servizo. A Unidade Técnica analizou os espazos e ten redactado unha memoria técnica para ampliar o espazo da antiga vivenda do conserxe.
A dirección do centro e a Anpa (que xestiona o servizo neste centro) foron informados onte mesmo polo xefe territorial da Consellería na Coruña, nun encontro no que existiu acordo total sobre a colaboración para acometer o antes posible a obra. Por tanto, queda demostrado que a Consellería busca solucións e que colabora coa Anpa do CEIP María Barbeito, e con outras, na prestación do servizo de comedor para contribuír a facilitar a conciliación.

Román Rodríguez aclarou que na actualidade todos os alumnos daquelas familias deste centro que xustifican a necesidade de conciliación están atendidos no comedor escolar, arredor de 220. Tamén pediu ao Concello da Coruña que explique por que concedeu bolsas de comedor a alumnado que non a teñen nin solicitado e sen consultar a dispoñibilidade de prazas coas direccións dos centros, como aconteceu no caso de 33 alumnos do CEIP María Barbeito, inflando de xeito artificial a demanda neste colexio.
Ademais, recordou que, a maiores da xestión propia de comedores, a Xunta colabora tanto cos concellos como coas Anpas que xestionan este servizo. Non en balde, este ano incrementáronse as axudas ás asociacións de nais e pais que xestionan comedores escolares, ata chegar aos 1,6M€, un 33% máis ca no 2022/23 e case o triplo do importe que se destinaba a esta liña de axudas antes da pandemia.